lunes, 4 de junio de 2012
Manifesto da Asemblea permanente para a Defensa do Ensino Público
Adxúntase neste artigo o Manifesto da Asemblea permanente para a Defensa do Ensino Público, constituida no peche do pasado 31 de maio no IES Nº 1 de Ribeira, onde se xuntaron máis de cen persoas, e difundido a través do correo electrónico común poloensinopublico@gmail.com:
No peche levado a cabo o día 31 de Maio do 2012 no IES Nº1 de Ribeira, a Comunidade Educativa (pais, nais, profesorado e alumnado …) do Barbanza alí reunida decidiu constituirse como Asemblea permanente para a Defensa do Ensino Público.
Acordamos continuar coa convocatoria de novas asembleas e propostas de mobilización co obxectivo decidido de defender o dereito a un ensino público de calidade, e contra os recortes educativos producidos neste curso escolar e os que se anuncian para o futuro inmediato.
A Asemblea fará un seguimento das medidas restrictivas que a Consellería de Educación pretende aplicar para o vindeiro curso que poderían provocar, de levarse a cabo, unha grave merma da atención educativa que se presta ó alumnado e un retroceso histórico no noso Sistema Educativo Público.
A Asemblea de forma unánime oponse:
Á masificación debida ó aumento do alumnado por aula que podería superar os 40 alumnos.
Á diminución do profesorado que impedirá a atención á diversidade e os reforzos educativos ó alumnado máis necesitado
Á negativa da Consellería de Educación a substituir o profesorado de baixa por enfermidade, permisos ou outros motivos. Isto, que xa se está levando a cabo, supón a perda de moitas horas lectivas.
Ós recortes que impedirán aos centros atender actividades complementarias tan importantes para a formación do alumnado como os sevizos de biblioteca, laboratorios, funcionamento das redes informáticas, as actividades extraescolares, etc.
Animamos ó conxunto da cidadanía a asumir de forma activa a defensa dun ensino Público de calidade e anunciamos xa que antes do remate deste curso celebraremos unha nova asemblea onde concretaremos actuacións a levar a cabo.
Manifestamos a nosa decidida vontade de continuar opoñéndonos a estas inxustas e discriminatorias medidas que, realizadas ó amparo dunha crise económica que non provocamos, afectarían gravemente e de xeito irreversible ao futuro das vindeiras xeracións.